PENSAR NA ECONOMÍA

AXUDAS SUPERA 21

A crise económica provocada pola pandemia COVID-19 está a castigar o tecido económico e produtivo de todos os municipios, en especial as actividades desenvolvidas polas pequenas empresas do sector comercial e de servizos con atención directa ao público que, primeiro, tiveron que pechar a súa actividade e, despois, intentar recuperala nunhas condicións moi limitativas e coas necesarias restricións para evitar a propagación do virus.

O Concello de Pontevedra non é distinto aos demais, así que proximamente volverá a facer unha nova convocatoria das axudas SUPERA, ao igual que fixo en 2020.

Trátase dunha partida de 1,3 millóns de euros que tratará de axustarse o máximo posíbel ás necesidades reais dos comercios e autónomos locais. Para iso, o Concello está a manter entrevistas con representantes de todos os sectores afectados: Zona Monumental, Asociación do comercio local, hostalería, taxistas, axencias de viaxes, perruquerías… tratando de axustar as axudas ás peticións e necesidades perentorias dos sectores.

SUPERA continuará na mesma liña que en 2020: financiar cun anticipo do 100%, os investimentos para a modernización, dixitalización, publicidade e comunicación, acondicionamento de locais, materiais de servizo a domicilio…

O Concello está a traballar nestas bases que se darán a coñecer nas vindeiras semanas.

Bases reguladoras de SUPERA 2021 - INVESTIMENTOS

Axudas SUPERA 21 para modernización, mellora, adaptación e dixitalización do sector económico e comercial.
  • Contía global:  600.000 euros
  • Importe máximo subvencionable: A porcentaxe subvencionable poderá chegar ao 70% do custe da actuación ou proxecto até un máximo de 5.000 euros
  • Poderase anticipar o 100% da contía subvencionable
  • Beneficiarios
    • Pemes, sociedades cooperativas galegas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego (menores de 50 traballadores) cun volume de negocio anual inferior aos 10 millóns de euros.
    • Persoas emprendedoras de alta no réxime de autónomos ou outro réxime especial.
  • Prazo presentación de solicitudes: 30 días naturais dende o 2 de setembro de 2021.
  • Gastos subvencionables: Gastos executados e pagados dende o 14 de marzo de 2020 até o 31 de decembro de 2021, agás os beneficiarios das axudas Supera 20.
  • Gastos de dixitalización e de implementación de tecnoloxías dixitais: adquisición de equipamentos para procesos informáticos, adquisición de ordenadores e demais conxuntos electrónicos de comunicacións e de procesos de datos, adquisición de hardwares e/ou aplicacións informáticas para a mellora e modernización da xestión comercial, hosting e servizos web, dominio en internet e outros gastos semellantes. 
  • Gastos destinados a obras ou actuacións para a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional, tales como as obras de mellora de acceso aos locais, obras para a mellora da accesibilidade interior, acondicionamento acústico, adaptación de aseos e outras actuacións e gastos que teñan por finalidade facer máis comprensibles, utilizables e practicables os establecementos. 
  • Gastos destinados á renovación, embelecemento e ornato dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional; incluiranse neste apartado as obras e investimentos para o acondicionamento de escaparates, renovación e mellora da rotulación e sinaléctica, obras para o embelecemento e ornato de fachadas, investimentos e adquisición de equipamentos para a mellora da imaxe comercial. 
  • Gastos destinados a actuacións e obras para a redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética. Poderán incluírse nesta categoría os gastos en obras e investimentos para a mellora da eficiencia enerxética dos sistemas de climatización, electricidade, iluminación e adaptación á reciclaxe. 
  • Outros gastos necesarios para a mellora da actividade: entrarán nesta categoría os gastos pola adquisición de mobiliario, por peches de protección de escaparates ou pola adquisición de maquinaria destinada ao funcionamento operativo dos locais ou negocios que non entre nas anteriores categorías. 
  • Gastos destinados á adquisición de vehículos comerciais destinados á actividade económica e/ou profesional das entidades ou persoas beneficiarias. 

Bases reguladoras de SUPERA 2021 - para gasto corrente

Axudas SUPERA 21 para modernización, mellora, adaptación e dixitalización do sector económico e comercial.

  • Contía global:  300.000 euros
  • Importe máximo subvencionable: A porcentaxe subvencionable poderá chegar ao 70% do custe da actuación ou proxecto até un máximo de 5.000 euros
  • Poderase anticipar o 100% da contía subvencionable
  • Beneficiarios
    • Pemes, sociedades cooperativas galegas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego (menores de 50 traballadores) cun volume de negocio anual inferior aos 10 millóns de euros.
    • Persoas emprendedoras de alta no réxime de autónomos ou outro réxime especial.
  • Prazo presentación de solicitudes: 30 días naturais dende o 30 de setembro de 2021.
  • Gastos subvencionables: Gastos executados e pagados dende o 14 de marzo de 2020 até o 31 de decembro de 2021, agás os beneficiarios das axudas Supera 20.
  • Gastos de adaptación á normativa de prevención da covid-19: sinalización de seguridade e prevención, dispositivos de control de temperatura, máscaras protectoras individuais, máscaras para o persoal da empresa, luvas, vestiario, e calquera outro para a protección persoal que sexa adecuada á actividade que se desenvolve no negocio ou empresa.
  • Gastos derivados da adaptación ao comercio on line e á entrega ou envío a domicilio: material e envases para o transporte, gastos de xestión das plataformas de envío a domicilio, gastos de reparto e transporte, e outros gastos directamente relacionados co envío, transporte e entrega de produtos e mercadorías consecuencia do comercio on line, “delivery” e ou/ “take away”
  • Gastos de difusión e publicidade da actividade: deseño e produción de material publicitario e marketing, gastos de difusión e publicidade en medios de comunicación, folletos, carteis e outro material ou servizos empregados para a difusión da súa actividade.
  • Gastos de contratacións externas de servizos específicos realizados por profesionais: software de pagamento por uso, identidade corporativa, realización de estudos, proxectos ou traballos técnicos destinados á mellora da actividade.
  • Gastos de reparacións, mantemento e conservación de mobiliario, material, electrodomésticos, vehículos comerciais e demais equipamentos.

Plataforma E-PONTE

Plataforma de venta online para mercar no comercio local de Pontevedra cun apartado propio para a Praza de Abastos de Pontevedra.

Campañas de potenciación do comercio

Campañas de potenciación do comercio: San Valentín, Primavera e verán, Volta ao cole, Nadal… facendo especial fincapé en campañas de bonos para o consumo no comercio local. Escaparatismo, pasarelas de moda e dinamización nas rúas (axudando tamén ao desenvolvemento da actividade das empresas de dinamización, e culturais …)
PONTEVEDRA SUPERA logo BRANCO
Concello de Pontevedra - logo BCO
Efecto PO2 - logo BCO

Precisas axuda?

Fainos a túa consulta